Monday 06 de May de 2024

A Xunta advirte de que o novo Plan Estatal de Vivenda dá as costas á rehabilitación e á conservación dos inmobles


— O Goberno galego acaba de presentar as súas alegacións ao novo Plan de vivenda 2022-2025, que ten 12 programas e dos que “só un está dedicado á rehabilitación, entendida como accesibilidade”

— O director do IGVS sinala que Galicia é unha Comunidade pioneira nesta materia, grazas á posta en marcha de 76 áreas de rehabilitación integral municipais e 3 supramunicipais, así como o programa e as áreas Rexurbe

— A Xunta tamén presentou alegacións á regulación dos fondos europeos de vivenda, cuxas contías “son escasas e dirixidas a actuacións de eficiencia enerxética”, un feito que “non espertará o interese dos posibles beneficiarios”

A Xunta de Galicia advirte que o novo Plan estatal de vivenda 2022-2025, elaborado polo Goberno central, dá as costas á rehabilitación e á conservación dos inmobles.

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, reuniuse esta mañá con representantes das oficinas das áreas de rehabilitación integral (ARI) municipais, aos que lles avanzou o contido das alegacións presentadas polo Goberno galego ao proxecto de Real Decreto polo que se regula o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

O director do IGVS, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, explicou que as consideracións trasladadas se basean en que a Xunta “non entende un Plan de vivenda no que só un dos 12 programas está dedicado á rehabilitación”, e ademais se “céntrase exclusivamente na accesibilidade, deixando de lado a conservación”.

Nese sentido, o Goberno galego solicita colaboración á recente nomeada ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, sobre todo despois de escoitar o seu discurso na súa toma de posesión, unha primeira intervención onde recoñeceu que “a construción é un sector clave da economía e a rehabilitación atopará un horizonte de actividade no tempo”.

García Porto trasladou que para a Xunta o programa das áreas de rehabilitación integral é de suma importancia, non só polo esforzo realizado pola Administración autonómica desde o ano 1996 –cando se declarou en Allariz a primeira ARI-, senón tamén polo conxunto de concellos e propietarios que ao longo destes 25 anos conseguiron recuperar moitas zonas antes degradadas.

Hoxe máis do 50% dos concellos de Galicia, grazas ás 76 ARI en 44 municipios e ás tres ARI supramunicipais (Camiños de Santiago, Illas Atlánticas e Ribeira Sacra) teñen no seu termo municipal unha destas figuras. “Este traballo non pode quedar agora desatendido, ou á marxe no novo plan estatal, que debe impulsar actuacións de carácter integral”, defendeu o director do IGVS.

Así mesmo, lembrou que este tipo de decisións son máis graves para os intereses de Galicia, pois é tamén referente coa posta en marcha do programa e das áreas Rexurbe —figura recollida na Lei de rehabilitación galega—. Explicou que son medidas de intervención pública para recuperar zona rurais e urbanas, con capacidade de xerar un efecto imitación en zonas adxacentes; ademais de ser un importante foco de mantemento de emprego e de actividade económica.

Outras das consideracións da Xunta é que no novo Plan 2022-2025 moitos dos programas recollidos se solapan con medidas xa existentes. Nese sentido, solicítase establecer unha compatibilidade entre programas previstos no plan cos xa activos, de maneira que se poida financiar a liña xa operativa sen necesidade de reformulala ou, en todo caso, que a achega autonómica prevista para o novo programa se considere como cofinanciada cos recursos que a Xunta reserva para a medida xa en curso.

A modo de resumo, o director do IGVS indicou que “unha vez máis Galicia traslada que un Plan estatal de vivenda é un instrumento de financiación, e non debe entrar na regulación concreta dos programas de axudas”, ademais de reiterar que cada comunidade, en función das súas competencias e das súas circunstancias concretas, debe determinar as condicións para recibir unha subvención.

Alegacións aos programas con fondos europeos para vivenda
No transcurso da reunión, o director xeral avanzou tamén que a Xunta presentou alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regulan os fondos europeos do Plan de recuperación e resiliencia reservados a vivenda e actuacións urbanas.

As alegacións de Galicia poñen de relevo dous aspectos de suma importancia e que “determinarán a execución dos fondos”, como o feito de que as axudas son, con carácter xeral, “de escasa contía e dirixidas só a actuacións de eficiencia enerxética”.

A modo de exemplo, explicou unha parte importante do parque inmobiliario galego está constituído por vivendas unifamiliares que poderían recibir unha axuda para un aforro enerxético de entre un 30 e un 45%, é dicir, uns 4.800 euros, que se sumarán aos 12.000 que achega o beneficiario. Unha contía insuficiente, tendo en conta que está suxeita á tributación fiscal, defendeu García Porto, quen engadiu que “é imprescindible incrementar as axudas”, tanto na inversión máxima subvencionable, como na porcentaxe máxima e na contía por vivenda, co fin de que esperten o interese e a demanda por parte potenciais solicitantes.

Segundo manifestou o director do IGVS, debería recollerse expresamente a posibilidade de incluír obras de conservación e accesibilidade sempre que se obteña o aforro enerxético solicitado, non só obras de eficiencia, xa que será un incentivo para comunidades ou propietarios individuais que soliciten axudas para realizar obras nas súas edificacións.

A Comunidade lembra que as distintas actuacións e incentivos que asumirán os gobernos deben servir para avanzar e aliñarse cos obxectivos que establece a Unión Europea para o conxunto de países.

Por último, Heriberto García augurou que a nova ministra —que onte defendeu o diálogo, a cooperación e a cogobernanza como a mellor fórmula para atender a realidade diversa de España—, atenderá as suxestións que se formulan desde Galicia para sacar o máximo partido ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.